Wednesday 24 de April de 2024

Medio Ambiente colaborará na construción dunha pista multideportiva na zona das presáreas en Vilasantar


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Vilasantar asinaron un convenio que recolle un investimento de case 50.000 euros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Vilasantar na construción dunha pista multideportiva na zona das Presáreas. Trátase dunha actuación que ten por obxectivo fomentar o uso das instalacións deportivas no municipio, como medida de benestar social, ao tempo que se habilita un novo punto de encontro para a veciñanza.

Esta actuación será posible grazas a un convenio de colaboración que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Fernando Pérez Fernández, veñen de asinar e que compromete un importe de case 50.000 euros. Recordou que a Xunta aportará un 70% do custo estimado da obra -é dicir, case 35.000 euros- e o 30% restante -preto de 15.000 euros- correrá a cargo do propio concello.

O obxecto do convenio é levantar unha pista multideportiva, para o que será necesario realizar traballos de roza e de nivelación da área na que se localizará esta instalación e a colocación de porterías, canastras e un valado perimetral. Os traballos rematarán co acondicionamento da zona exterior da nova pista deportiva.

A conselleira de Medio Ambiente indicoulle ao alcalde de Vilasantar que coa sinatura do convenio xa é posible a licitación das obras, para as que se prevé un prazo de execución de dous meses, ao que engadiu que, sendo rigoroso cos prazos, esta actuación poderá ser unha realidade este mesmo ano.

Recordou que esta actuación enmárcase dentro do chamado Plan hUrbe, un programa posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010 para apoiar ás entidades locais á hora de levar a cabo actuacións coma a comprometida hoxe co alcalde de Vilasantar, que contribúen a facilitar aos veciños o acceso ás infraestruturas públicas e servizos e a humanizar espazos de uso común.

Ángeles Vázquez salientou que grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas nun total de 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 a Xunta actuou case no 40% dos municipios de Galicia.